O pasado domingo 1 de maio tivo lugar en Redondela a décima edición do Festival FIC Andaina coa entrega de premios ás obras gañadoras.
Durante un total de 6 días proxectáronse un total de 15 proxeccións cinematográficas, integradas por curtametraxes das seccións noveis, documental e oficial. Fóra do concurso, foi proxectada a película de animación “Valentina”, recente gañadora do Premio Goya 2022 á mellor película de animación, e a proxección “Para Sonia” que experimenta os sentidos no cine.
A edición 2022 do FIC Andaina comezou o pasado día 22 na localidade de Moaña con pases nos centros educativos e unha sesión no salón de plenos do Concello. O día 27 o FIC trasladouse ó Multiusos da Xunqueira de Redondela, polo que pasaron preto de 1.400 espectadores.
As principais novidades desta edición do FIC Andaina foron as incorporacións da sección novel e documental. En canto á sección oficial, o certame recibiu máis de 200 películas das que saíron oito curtametraxes finalistas. Desta sección, saíron os gañadores do Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe, Mellor Interpretación e Premio do Público á Mellor Curtametraxe.
O premio do xurado foi para “Sorda”, producida en Murcia e dirixida por Eva Muñiz e Eva Libertad Garlo. Curta na que se visualizan os medos dunha muller xorda (interpretada por Miriam Garlo) a hora de plantexarse a posibilidade de ser nai.
O Premio do Público á Mellor Curtametraxe foi para “Orquesta Los Bengalas” de David Valero. Traballo que aborda o problema do alzhéimer.
Unha das novidades desta edición foi o premio á mellor interpretación, no que o galardón recaeu en Alexandre Jordá polo seu papel en “El Bosc de la Quimera”.
Outra das novidades foi a creación da sección Novel, na que os centros educativos ou de atención a persoas con diversidade funcional teñen a oportunidade de presentar os seus traballos cinematográficos. A gañadora nesta categoría foi a película “POR ESO”, obra producida pola Fundación Olívica ANPAS e a Fundación Igualarte.
A sección documental contou con catro obras seleccionadas, das que o gañador foi “Mi Vida después del Fuego” de Beatriz Caz e María José Rochina.
E por último, o festival contou cun premio “sorpresa” adicado á traxectoria profesional de Miguel Borines, actor e titiriteiro de referencia no mundo cultural redondelán cunha longa traxectoria no mundo do cine, o teatro e a televisión.
A Gala FIC estivo presentada pola actriz e presentadora Cristina Maró e ambientada polo grupo Beocans Folk. Sen dúbida, esta décima edición do Festival FIC Andaina estivo chea de novidades que se consolidarán para vindeiras edicións.