Promovemos unha iniciativa solidaria dirixida os distintos tipos de centros de Redondela e arredores, (colexios, institutos, centros de maiores, entidades deportivas, etc.) que queiran participar. Con esta iniciativa, apoiaredes o proxecto de instalación no noso centro social dunha COCIÑA SEMIPROFESIONAL para a realización do Módulo Formativo de Hostalería, dos alumnos e alumnas do Programa de Formación Prelaboral.

Trátase de organizar unha merenda ou un almorzo no teu centro, onde cada participante achega un pequeno donativo pola súa cunca de chocolate quente e o seu petisco doce. O donativo para achegar escólleo cada organizador, e en moitas ocasións, prefiren que cada familia ou participante achegue o que consideren de forma libre.

É unha forma de achegar a Diversidade Funcional ós centros, promover o compromiso e reivindicación do dereito á inclusión laboral das persoas con dis-capacidade. Moitos centros organizan chocolatadas nas festas de Nadal. Esta podería ser unha boa data para celebralo.

 

Se vas a ter festa, que sexa solidaria

 

En canto ao chocolate, achégao cada centro educativo, anpa, empresa ou entidade organizadora, a quen frecuentemente pedides a colaboración altruísta dalgún provedor interno ou externo.

Aqueles centros ou empresas que prefirades almorzar ou merendar con outro alimento que non sexa o cacao, poden organizalo da mesma forma. Podemos facilitarvos o contacto dun catering que podería servilo, cartelería, videos de presentación da asociación, etc.

PEGADAS CON ALMA, participa na organización e difusión deste proxecto xunto con Andaina na súa iniciativa deste ano #PEGADASXANDAINA.

Contamos coa vosa participación. Faremos un mapa solidario en Redondela e arredores cos centros participantes. Haberá un galardón para o centro máis participativo.

Información e inscripción en: asociacionandainaredondela@gmail.com

www.asociacionandaina.com

II RETO PEGADAS CON ALMA

(#PegadasxAndaina)

 

Pegadas con Alma é unha iniciativa creada por Patri do Camiño e Heidi Vander Biest para impulsar accións de voluntariado social na área de Redondela.

O primeiro reto en 2021 foi colaborar con Asociación Lenda (Saúde Mental) para a reposición de todo o seu material deportivo; o éxito da campaña, permitiu ademáis cubrir diferentes programas de descanso familiar.

Na súa segunda iniciativa, #PegadasxAndaina, ademais da recadación monetaria para a instalación dunha cociña semiprofesional na que desenvolver ao máximo as capacidades e habilidades dos socios, buscaremos reivindicar a importancia de xerar espazos máis inclusivos en contornas escolares, laborais ou familiares.

A razón última de Pegadas con Alma, que conta co respaldo do Concello de Redondela e a Asociación de Empresarios, é contribuír á construción dunha comunidade máis solidaria, sensible e integrada.

 

Obxectivo: 4000€

Para a instalación da COCIÑA SEMIPROFESIONAL no centro